Cantos na Maré 2008

Cantos na Maré, Festival Internacional da Lusofonía é un proxecto cultural pioneiro e exclusivo no estado español, creado en Galiza cunha singular aposta cultural: trazar a través da lingua, da música, dos ritmos e dos sons un mapa común entre os territorios da lusofonía que comparten raíces.

CNM é unha iniciativa de aproximación de culturas e do fomento da diversidade, da interacción e da apertura de oportunidades á creación artística e ao intercambio.

O espectáculo musical, baseado na investigación e no enriquecemento, representa un dos eixes básicos da estrutura do proxecto. Este intercambio cultural activo é a base da filosofía, resultando un produto musical exclusivo de altísima calidade artística e humana.

Sábado 13 de decembro de 2008, 21:00h Pazo da Cultura de Pontevedra

Uxía, dirección artística

Cada ano regresan os Cantos na Maré puntualmente á cidade de Pontevedra. É unha cita para a xente que cremos neste proxecto de aproximación de culturas unidas pola lingua, unha ponte que nos permite un coñecemento mutuo liberado de prexuízos e cunha clara vocación de expansión e divulgación da nosa cultura, a galega, no contexto da lusofonía.

A pretensión é fomentar a diversidade, que abre novas oportunidades de proxección aos creadores. O formato anovador do proxecto, baseado no traballo previo da construción colectiva, onde artistas de diversas orixes conviven e preparan un repertorio exclusivo, é un dos alicerces da filosofía do festival tomando como base o intercambio cultural activo.

Este ano centrámonos na reivindicación das grandes composicións musicais nestes territorios, unha homenaxe ás creadoras e creadores que fan cancións referenciais para os seus respectivos países e que traspasan fronteiras, temas que pasan de xeración en xeración. Un tributo aos contadores de historias que crearon e crean obras mestras da música onde poder recoñecérmonos. Apostamos pola palabra e pola importancia radical dos textos das cancións que pretendemos nos permitirán ir ata o fondo do que preocupa ao xénero humano. Temas de amor ou compromiso e os novos arranxos de antigos “clásicos” crearán un espectáculo para todos.

A banda que sostén a estrutura musical do espectáculo está formada por músicos que proveñen das distintas terras de fala portuguesa. É unha banda panlusófona (afro-lusa, luso-galega e afro-luso-brasileira) nunha conxunción inaudita e moi frutífera.

Paulo Borges, dirección musical

Paulo Borges tamén coñece en profundidade o repertorio dos compositores que protagonizarán esta edición de Cantos Na Maré.

É o director musical (xa o foi das últimas 5 edicións) e apórtanos a súa sensibilidade para levar a cabo este traballo, onde o que é importante non é só o rigor musical, senón tamén a consecución dunha nova sonoridade resultante da mestura de timbres de instrumentos que pouco tiñan convivido.

Venda de entradas

Anticipada
10 €
Á venda desde o 3 de decembro a través do teléfono 902 43 44 43 ou en www.caixagalicia.es
Taquilla (sábado 13)
12 €
Teatro Principal: de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 19:00 h
Pazo da Cultura: de 19:30 h ao comezo do espectáculo

Ficha técnica

Dirección artística
Uxía
Dirección musical
Paulo Borges
Banda base
Jon Luz (cavaquinho)
Quiné (batería/percusión)
João Ferreira (percusión)
Rubén Santos (trombón)
Paulo Temeroso (clarinete, saxo, frauta)
Norton Daiello (baixo)
Guillermo Fernández (guitarra)